Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

jueves, 26 de febrero de 2009

Declaracións de amor

Dentro do proxecto "Historias de amor", propuxemos aos alumnos de 5º e 6º de Primaria que escribiran unha declaración de amor, entendendo o concepto de amor nun sentido moi amplo, que incluiría o amor ás nais e pais, a unha parella, a un animal... ou incluso aos libros ou ao colexio.

Esta actividade tiña dous obxectivos fundamentais: dinamizar o uso da lingua galega e fomentar a utilización das novas tecnoloxías, dado que a canle empregada para enviar as declaracións foi o correo electrónico.

Premendo nos enlaces do primeiro parágrafo poderedes ler algunhas das declaracións. Animádevos, seguro que vos sentiredes identificados con algunha delas ou vos dan algunha idea namoradeira!

martes, 24 de febrero de 2009

Entroido Indio

A temática que abordamos este ano no entroido 2009 versou sobre a vida e a cultura dos indios americanos. Non só nos divertimos moitísimo, senón que ademais aprendemos unha chea de cousas acerca desta cultura milenaria tan interesante.

Ao longo da mañá o alumnado do centro, dividido en seis grupos, foron pasando cada media hora por diferentes "estacións":

- Composición dunha paisaxe india, na estación de plástica.
- Aprender como pintaban a cara, no obradoiro de maquillaxe.
- Elaboración do traxe indio, no taller de confección.
- Cancións e baile indios, na estación de música.
- Visionado dun documental sobre os indios, na Biblioteca.
- Tiro con arco, na estación de xogos ao aire libre.

No remate da mañá, todos os alumnos tiveron que someterse a unha proba de coñecementos e aptitudes para gañar o "Diploma Indio" e o "Carné de explorador apache".

A nosa satisfación foi saber que ningún alumn@ marchou sen o seu Diploma e sen o carné que os acreditaban como "auténticos apaches" e expertos coñecedores da cultura e dos costumes dos nativos americanos.

A continuación podedes ver un vídeo con imaxes das actividades realizadas, ou tamén fotos do entroido indio e da degustación gastronómica do venres, 27 de febreiro.


Entroido 09

miércoles, 4 de febrero de 2009

CAMBIAREMOS A GUERRA POLA PAZ...

Aínda que falar de PAZ nos tempos que corren nos resulte difícil, en San Martiño alumnos e profesores seguimos coa esperanza de que pequenos xestos e actos simbólicos, coma os que celebramos o día 30 de xaneiro, axúdannos a reflexionar e a prepararnos un pouco máis por dentro, para seguir nas nosas vidas o camiño da PAZ.
Este ano quixemos "cambiar a guerra pola PAZ..." e convertemos un campo de batalla, nun campo cheo de flores e de mariposas, dicindo moi alto e forte:

"Por cada bala, unha mariposa,
por cada bomba, unha flor.
Cambiemos o inverno pola primavera,
cambiemos a guerra, pola PAZ..."

A continuación cantamos cancións, lemos poemas... ata rematamos bailando.

Resultou un acto conxunto moi bonito, no que compartimos ilusións, esperanzas e no que, coma sempre, quixemos declararnos a favor da PAZ de forma incondicional.
Aquí achegamos estas imaxes para que poidades velo.


DÍA DA PAZ, 09